Os 25 alumnos e alumnas que asistirán ás escolas infantís de Ponte Noalla e Santa Cruz durante o curso 2017/2018 van desfrutar das obras de mellora realizadas nestas instalacións escolares polo Concello de San Cibrao das Viñas.
En Ponte Noalla levouse a cabo a renovación do peche exterior do recinto con tela metálica máis estética e segura e se instalou céspede artificial na zona de xogos.
En Santa Cruz acondicionouse no exterior o parque infantil.
No aspecto educativo, o alumnado recibirá clases adaptadas á súa idade de coñecementos básicos, audición e linguaxe, inglés, relixión e orientación educativa. Ademais, o Concello sufraga as clases de música que se impartirán os xoves, de 16:30 a 17:30, en Santa Cruz para as dúas escolas.