De 10 da mañá a 10 da noite, de lúns a venres. Calquera hora é boa para utilizar as instalacións do novo ximnasio de Ponte Noalla, inaugurado o 27 de xaneiro e a disposición, xa, de todas as persoas interesadas en manterse en forma e mellorar a súa saúde. Neste acto inaugural interviron o alcalde, Pedro Fernández; a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, como representantes das tres Administracións que colaboraron no proxecto, acompañados pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, varios concellleiros da Corporación Municipal e numeros@s veciñ@s.
Para usar as instalacións é preciso solicitar o carné de aboado, polo módico prezo de 5 euros/mes (esta tarifa permanecerá inalterable ata que se cambie a ordenanza vixente). Os usuarios poden disfrutar así dunhas modernas instalacións, atendidos por un monitor titulado, nas que destaca o ximnasio de 247 metros cadrados, con numerosos e variados aparellos. Tamén dispón dunha sala anexa para clases colectivas de pilates, aerobic, mantemento físico, etc.