Xa está en vigor o proxecto de xeolocalización de vivendas en San Cibrao

Os Concellos de San Cibrao de Viñas e de O Pereiro de Aguiar remataron de colocar as placas identificativas cos números municipais, este traballo realizouse entre os meses de xuño e setembro, colocando un total de 8.034 placas, 3.585 correspondentes ao municipio de San Cibrao e 4.449 ao de Pereiro.

Hoxe presentou o proxecto rematado de xeolocalización en San Cibrao.

Con esta obra identificáronse todos os inmobles con uso residencial, comercial e ou industrial. Esta localización física dos inmobles complétase co desenvolvemento dun visor cartográfico público, que permite localizar todos os inmobles numerados en cada Concello. Este visor, que está operativo a día de hoxe, pódese consultar desde a páxina web dos respectivos concellos ou habilitando o acceso directo en calquera dispositivo conectado á web.

🔗 Aquí vos deixamos a ligazón: 📍 RUEIRO

O uso do visor é totalmente intuitivo e permite localizar fácilmente un enderezo, non sendo necesario indicar a dirección completa, mostrándonos todos os elementos que coinciden coa información introducida. Ademais, a información do visor actualizarase coas novas edificacións, xa que tamén se alimenta da información catastral.

Isto supón un gran avance para os nosos municipios xa que facilita aos veciños unha ferramenta para resolver calquera situación relacionada coa localización do seu inmoble, desde a recepción de envíos postais e paquetería ata a solicitude de axuda en caso de emerxencia. Tanto os servizos de entrega como os de emerxencia poden localizar o enderezo e trazar unha ruta ata a localización do inmoble.

Dentro deste trámite, tamén se facilitou esta información á Xerencia Territorial do Catastro de Ourense para actualizar o domicilio tributario dos bens inmobles dos dous concellos, así como ao Instituto Nacional de Estatística, co que se asegura que os rueiros destes organismos están coordinados. A información tamén foi remitida tanto ao servizo de información xeográfica de Galicia como ao soporte de Google maps para a actualización dos devanditos visores cartográficos.

Así mesmo darase publicidade a este servizo coa finalidade de que o seu uso sexa xeneralizado. Toda a información farase chegar aos veciños de San Cibrao das Viñas a través dunha carta cun código QR de identificación de vivenda. 

 

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, en total unha inversión de 141.000€ dos cales a metade foron aportados polo programa Leader, a través da Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense, Adercou.