A Deputación e o Concello colaboran na captación de investidores e na atracción de empresas para o Polígono Industrial

firma-convenio-deputacion-concello

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández, asinaron no Pazo Provincial un convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións que permitirá analizar novas estratexias de captación de investidores e atracción de empresas para o Polígono de San Cibrao das Viñas, xunto con accións de promoción que levará a cabo o Concello para poñer en valor os recursos turísticos do municipio, como as rutas de sendeirismo e algúns enclaves paisaxísticos, como o de A Boutureira. O investimento total para as liñas de promoción empresarial e turística que achegan o Goberno provincial e o Concello de San Cibrao das Viñas ascende a 42.000 euros.

O acordo entre Deputación de Ourense e Concello de San Cibrao contempla a elaboración dun documento que recollerá as estratexias para levar a cabo traballos de prospección de mercado, identificación de sectores clave, para os que o Polígono ofreza especiais vantaxes, e definiranse tamén liñas de promoción internacional.