A Federación Galega de Municipios e Provincias pon en marcha a tradicional campaña #PoloBoTrato con motivo do Día Internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres o vindeiro mércores 25 de novembro.
A Fegamp presentará os resultados do primeiro estudio “Acción dos concellos galegos pola igualdade” . Esta investigación recolle datos de todos os Centros de Información á Muller que forman a rede de asistencia municipal en Galicia e axudará a coñecer con maior profundidade este problema de difícil visibilidade social.
A enfermeira e actriz galega, Nerea Barros, gañadora dun Goya e protagonista de “La isla de las mentiras”, moderará a Xornada Fegamp “Plans de Acción Local sobre Violencia de Xénero”, unha charla-coloquio que abordará a realidade das vítimas en medio das medidas pola pandemia da COVID19, a situación dos CIMs na nosa comunidade e as políticas e novos programas de prevención, concienciación e asistencia. Este acto de carácter formativo por inscrición estará aberto a través das redes sociais da Fegamp a todo o público que poderá participar no debate final. Contará coa intervención de María Debén Alfonso, Coordinadora de Igualdade e de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia, Luisa Feijóo Montero, Concelleira de Ames, representante da FEGAMP no Observatorio Galego de Violencia de Xénero e membro da Comisión de Coeducación do Consello Galego das Mulleres, María Jesús Lourido Vidal, vicepresidenta de ASOCIM e directora do CIM de Outes, e Rosa Fontaíña Pazos, Fundadora da Asociación Coordinadora-Voceira Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.
Do 22 ao 30 de novembro, súmate á VIII Andaina contra a Violencia de Xénero e camiña para que a violencia de xénero non sexa invisible.
Inscríbete en http://caminoaorespecto.gal