O Concello de San Cibrao das Viñas abre do 10 ao 20 de agosto o prazo de inscrición para a Aula Concilia 2026/2027, un servizo totalmente gratuíto destinado a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar das familias do municipio.
IDADE E REQUISITOS
O programa está dirixido a nenos e nenas de 3 a 14 anos que estean empadroados en San Cibrao das Viñas ou que teñan, polo menos, un dos seus proxenitores ou titores legais empadroado no municipio.
Este servizo está pensado para apoiar aquelas familias nas que os pais, nais ou titores legais se atopen nunha situación de incompatibilidade horaria por motivos laborais, facilitando así a atención e o coidado dos menores durante o horario de tarde.
HORARIO
A Aula Concilia desenvolverase de luns a venres, en horario de 15:00 a 20:00 horas.
Durante este tempo, os participantes poderán desfrutar dun espazo seguro, educativo e adaptado ás diferentes idades, con actividades lúdicas, creativas, formativas e de lecer.
PRAZO E FORMA DE INSCRICIÓN
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto do 10 ao 20 de agosto.
As inscricións poderán realizarse a través de calquera das seguintes modalidades:
- Presencialmente, nas oficinas do Concello de San Cibrao das Viñas.
- Telematicamente, a través da Sede Electrónica municipal.
O SERVIZO DA AULA CONCILIA TEN DISTINTAS MODALIDADES
a) Aula Concilia
As inscricións serán por curso e terá que ser renovada anualmente.
O horario habitual dentro do curso escolar será dende as 15:00 horas ata as 20:00 horas.
b) Amplía Concilia
Será para aqueles días non lectivos recollidos dentro do curso escolar e o horario da Aula Concilia será de 7:30h ata as 14:30h.
Nesta modalidade estarán comprendidos os períodos de vacacións de Nadal, o luns de Entroido, o mércores de Cinza e as vacacións de Semana Santa. Ademais poderanse ampliar estes períodos, dependendo das pontes que poida haber ó longo do curso escolar.
c) Concilia Verán
Dende o remate do curso escolar no mes de xuño ata o comezo do novo curso escolar no mes de setembro, a Aula Concilia funcionará en horario de mañá, dende as 7:30h ata as 14:30h.
Coa Aula Concilia, o Concello de San Cibrao das Viñas continúa reforzando o seu compromiso co apoio ás familias e coa conciliación da vida laboral e familiar, ofrecendo un recurso gratuíto que contribúe ao benestar dos menores e facilita o día a día dos fogares do municipio.
CONCILIA San Cibrao. ?