As prioridades da cidadanía, obxectivo do proxecto “Conecta Ourense”

Xuntaza dos alcaldes dos concellos do espazo metropolitano de Ourense

O alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández, participou na xuntanza que mantivo o vicepresidente segundo da Deputación, Jorge Pumar, cos alcaldes e representantes dos concellos do espazo metropolitano de Ourense (Barbadás, Pereiro de Aguiar, Amoeiro, Coles, Toén, Punxín, Ourense e San Cibrao das Viñas) para analizar a Estratexia Conecta Ourense (ECOU), enmarcada no proxecto DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible).

Esta iniciativa ten como retos conciliar o desenvolvemento industrial e a recuperación económica de espazos sostibles e con calidade ambiental, ademais de impulsar estratexias que fomenten a mobilidade urbana e periurbana.

O orzamento total do proxecto é de 18.750.000 euros e a subvención solicitada ascende a 15 millóns de euros, por medio da convocatoria de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, fondos FEDER da Unión Europea.